Queridos/as nenos/as e familias:
Os/as mestres/as tamén estamos na casa, os/as mestres/as tamén somos pais/nais, os/as mestres/as tamén temos familias, os/as mestres/as somos uns/unhas máis das moreas de persoas que debemos quedar na casa nesta corentena que nos toca vivir.
Hoxe sabemos que a obriga de QUEDAR NA CASA vaise alongar, polo que queremos que teñades presente que seguimos aquí: ao outro lado da rede, a través do correo hipocampillo@gmail.com e dpailos@edu.xunta.es e o noso blogue www.cativosdomilladoiro.blogspot.com, porque queremos que saibades de nós, porque queremos saber de vós (como estades, que facedes, como levades estar na casa…)
As tarefas escolares, nestes momentos que estamos a pasar, non son o máis importante. O realmente importante é que nos coidemos e coidemos dos demais quedando na casa, como superheroes e superheroínas con capa vermella pois xa temos aos superheroes e as superheroínas con capa verde nos hospitais, nos laboratorios, nas carreteras transportando o que precisamos, nos supermercados e pequenos comercios de alimentación, nas rúas velando pola nosa seguridade…,en definitiva fóra das súas casas para que nós os das capas vermellas poidamos quedar na casa.
Non esquezades que o que vaiamos publicando no blogue, NON SON DEBERES, NON SON TAREFAS PARA AVALIARVOS son propostas, axudas para ocupar o noso tempo diario e seguir imaxinando, creando e crecendo en corpo e mente. Sempre dentro das vosas posibilidades, pois sabemos que non todos contades cos medios tecnolóxicos para poder acceder aos contidos. Por iso, pedimos as familias que teñan contacto con outras familias que non conten cos recursos, que ofrezan a súa axuda a través dos medios dos que dispoñan (grupos de whatsapp ou outros medios non presenciais, pois debemos evitar todo contacto con outras persoas alleas as nosas casas).
Organizamos o blogue para que nas pestanas superiores piquedes e accedades rápidamente a aquilo que vos interese ver. A primeira pestana e a máis importante é a nomeada como NÓS, nesta páxina iremos publicando, coa vosa autorización, todo o que nos enviedes ao correo (imaxes de actividades feitas, audios, escritos…) porque vós sodes os protagonistas do voso blogue.
Como mestres/as querémosvos pedir que sexades felices cada día, dende que espertamos ata que nos deitamos. Recordade espertar cada mañá cun sorriso que vos encha de felicidade a vós e aos vosos.
A normalidade voltará, e con ela veremos que saímos da casa máis fortes ca nunca.
Forza superhéroes e superheroínas de capas vermellas e recordade cada día un sorriso, este será o noso superpoder.
TODO SAIRÁ BEN!
Apertas agarimosas e biquiños mil dos/as vosos/as mestres/as de infantil.
No hay comentarios:
Publicar un comentario